sábado, 18 de enero de 2014

Cultura e Educación establece por primeira vez un procedemento común para a prevención e detección do absentismo a través dun protocolo específico para os centros educativos

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou esta mañá diante de equipos directivos, docentes, orientadores e demais axentes implicados o protocolo que o seu departamento vén de elaborar para a atención específica ao absentismo, que establece por primeira vez un procedemento común para a prevención e detección desta situación nos centros educativos.. Nun acto desenvolvido no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) o titular do departamento educativo da Xunta salientou a necesidade de colaboración entre as diferentes entidades – especialmente servizos sociais, Concello, centros de ensino e administración educativa- na loita contra o absentismo e o abandono temperán, seguindo un procedemento común de actuación diante destas situacións. Con todo, o conselleiro explicou que nestes momentos o absentismo non supón un problema significativo no sistema educativo galego, xa que afecta a menos do 0,2% da poboación escolar en idade de escolarización obrigatoria. Aínda así, puxo o acento nas medidas de prevención e no contacto permanente entre centros educativos e familias ou titores dos estudantes. “Non en balde, esta Consellería puxo en marcha a primeira plataforma en liña de comunicación permanente entre nais e pais e o centro educativo, o espazoAbalar, que estamos achegando tamén aos teléfonos e dispositivos móbiles a través de abalarMóbil. Trátase de ferramentas que lles permite ás familias, por exemplo, ter coñecemento da falta de puntualidade dos rapaces ao chegaren á aula, e mesmo axilizar a xustificación das faltas de asistencia.” Procedemento, definicións e prazos Xesús Vázquez explicou que o protocolo educativo para a prevención e o control do absentismo escolar é o primeiro documento elaborado para regular a asistencia a clase do alumnado galego, e tamén o primeiro no que se definen conceptos como o de absentismo - alumnos cun número de faltas sen xustificar superior ao 10% do horario lectivo dun determinado mes-, ou de expediente de absentismo - conxunto de documentos que recollen a aplicación do protocolo, e que quedarán rexistrados-. Así mesmo, contémplase o considerado como falta xustificada ou non xustificada de asistencia a clase, con exemplo claros de que e con que documentos se pode acreditar a ausencia da aula. Así mesmo incidiu na importancia do feito de establecer prazos para minimizar o efecto negativo do absentismo na vida escolar. Neste sentido, queda recollido que o profesor deberá realizar diariamente o control de asistencia e comunicalas ás familias ou titores legais – tanto as xustificadas como as que non o están- dentro dos primeiros 5 días naturais do mes seguinte. No caso de que o número de faltas sen xustificar supere o 10% do horario lectivo dese mes determinado, o profesor titor iniciará o expediente de absentismo e comunicará a situación á xefatura de estudos, para despois convocar ás nais e pais do alumno en cuestión. O inicio do expediente producirase, como máximo, dentro dos 7 días naturais seguintes á data na que as faltas de asistencia superaron o devandito 10%. Se a reunión do profesor titor coa familia reconducise a situación paralizarase o proceso e arquivarase o expediente. Se non, será a xefatura de estudos a que convoque a familia, para intentar resolver a situación e arquivar o expediente con ese encontro. No caso de que iso non se producise, a dirección do centro educativo deberá notificar a situación ao Servizo Territorial de Inspección Educativa correspondente e ao Concello de residencia da alumna ou alumno, no prazo máximo de 30 días naturais desde o inicio do expediente. O protocolo acompáñase ademais cunha serie de anexos dos documentos ou procedementos aos que se fai referencia nas distintas fases ou momentos do protocolo: modelos das convocatorias de reunión, das actas dos encontros cos pais, do rexistro de contactos do centro coas familias e de notificación do expediente de absentismo, entre outros. Orientación e prevención Tal e como explicou o conselleiro, o protocolo é unha guía para os centros educativos, unha ferramenta para a orientación e coordinación, facilitándolles un procedemento común que deben seguir, os seus tempos e un marco conceptual “para que todas e todos entendamos o mesmo cando falamos do mesmo”. O conselleiro salientou como “o máis importante” que o protocolo inclúe unha relación de accións de carácter preventivo, para que os centros as adecúen ás súas realidades. “Buscamos que se fortalezan as relacións dentro das comunidades educativas e os programas de acollida, e que se reforcen as actuacións dirixidas á inclusión e á atención á diversidade, co imprescindible papel dos orientadores”. Neste sentido fixo fincapé en que non todo o alumnado é igual, nin ten as mesmas características, polo que a escola ten que comprender esa diversidade e promover a inclusión de todas e todos. “Este protocolo ten, tamén, esa vocación”, dixo. Unha estratexia en prol da convivencia Xesús Vázquez explicou que o protocolo presentado hoxe forma parte dunha das liñas estratéxicas prioritarias da Consellería de Cultura e Educación, a da atención á diversidade e á convivencia. Neste sentido salientou os importantes pasos dados nos últimos anos no marco desta estratexia, subliñou a Lei de convivencia –co decreto que o desenvolve e o protocolo de prevención, detección e tratamento do acoso escolar e ciberacoso– e o decreto de atención á diversidade; así como o protocolo específico que a Consellería está a elaborar de identificación e tratamento psicoeducativo do alumnado con déficit de atención e hiperactividade (TDAH). Ademais explicou que os contratos-programa abordan actuacións específicas de reforzo educativo, de mellora da convivencia e de loita contra o abandono escolar. “De feito, incluíndo esta última edición dos contratos-programa, que imos asinar nos próximos días, téñense desenvolvido ou desenvolveranse este curso un total de 823 actuacións nestas liñas, con preto de 49.000 alumnos beneficiados. Ademais, tan só este curso preto de 2.000 docentes estarán implicados nesta tarefa”. De feito, a formación específica dos docentes tamén forma parte desta estratexia da Consellería, cun total de 4.296 prazas para docentes en 224 actividades relacionadas coa atención á diversidade e o absentismo, que supuxeron 7.106 horas de formación. Responsabilidade compartida Para a elaboración deste protocolo a Consellería de Cultura e Educación contou coa colaboración do departamento de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, de docentes e orientadores. Vázquez Abad quixo agradecer a todos eles a súa contribución ao documento "e pedirlles, aínda que estou seguro que a súa implicación xa o asegura,a máxima colaboración na súa posta en marcha e aplicación nos centros educativos". "Se queremos un mundo máis igual- dixo-, máis xusto, máis solidario, máis sostible, temos que garantir o dereito de todas e de todos á educación, independentemente das circunstancias que afecten ao alumnado", una responsabilidade que definiu como "compartida", entre centros, administración educativa e familias. Á presentación do protocolo asistiron o secretario xeral técnico, Jesús Oitavén; o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; o subdirector xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado, Manuel Vila; os directores do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) e dos seis Centros de Formación e Recursos (CFR); membros deses centros; persoal dos Equipos de Orientación Específicos; orientadoras e orientadores; inspectoras e inspectores; e os profesionais que traballaron na elaboración do documento.

No hay comentarios:

Publicar un comentario